
Arroces gallegos
octubre 20, 2025
Esencia gastronómica
noviembre 11, 2025Moitas foron as actividades desenvoltas polas mulleres galegas fora do fogar. Estaban presentes en practicamente todas as actividades económicas xa na época medieval. Os oficios nos que se desempeñaron con maior fondura foron os relacionados coa confección, a alimentación e a hostalaría. De feito, as labouras máis comúns eran as de mesoneira e taberneira, inda que había tamén un número significativo de pintoras, zapateiras, tendeiras, carniceiras, panadeiras, etc. As ordenanzas de Santiago, no século XII, aludían a: «Las panaderas, que tengan casas y locales á propósito para ejercer su oficio…». Campomanes, no ano 1774, aludía aos oficios das galegas precisando que: «son tenderas, panaderas que amasan y venden el pan». Na Galicia rural de mediados do século XVIII había máis de cincocentas panadeiras e forneiras, a maioría delas nas provincias de Santiago e Ourense, e asemade en zonas densamente poboadas e con importante solteiría feminina. Xa daquela facían tamén pan moitas mulleres na comarca ourensá do Carballiño, nomeadamente no concello de Cea, que aínda hoxe goza de reputación por elaborar un pan de excelente calidade.
O predominio da autosuficiencia campesiña (favorecida co policultivo minifundista) implicaba unha demanda moi reducida de alimentos elaborados fora da casa. De feito, en infinidade de fogares labregos facíase quincenalmente o pan nun forno de pedra. Na maioría das freguesías as panadeiras vendían as súas bolas sobre todo nas feiras e mesmo tamén nas súas propias casas. A todas as cidades e vilas de Galicia chegaban mulleres do campo -na súa maioría casadas-, con pan de centeo e trigo para vender, «para remediar y aliviar su casa y familia», como indica un documento de 1757. As veces, os xustizas ou alguacís multábanas por non poñer un prezo fixo ao pan, posto que cada unha «ajusta por lo que puede». Outros produtos que elaboraban as mulleres eran os doces, coma os roscóns, rosquillas e bicas de millo que gozaban de moita aceptación nas feiras e romaxes.
Por parte, as mulleres salientaron nomeadamente naqueles oficios artesanais que requirían paciencia e destreza manual, como as palilleiras que facían os encaixes dende o século XVI, as cesteiras, redeiras, calceteiras, costureiras, etc. Mais non abondaba con que demostraran unha notable destreza, tamén tiñan que aturar longas xornadas de traballo que compaxinaban coas labouras domésticas.
Campomanes refería, na centuria ilustrada, que as mulleres: «(…) hacen encajes, medias, cordones y otros géneros ordinarios según las luces del país. En fin, no desdeñan aplicarse a cuantas faenas permiten sus fuerzas y convienen al sustento de su familia». Lucas Labrada menciona a calceta á que moitas donas se dedicaban con gran entusiasmo, «sin que por eso dejen de dedicarse muchas a la labranza, entretanto que sus maridos van a trabajar de albañiles a los Reinos de Castilla».
Esta produción tiña tamén unha orientación acentuadamente mercantil en múltiples vilas, como A Guarda, e comarcas coma o Val Miñor, segundo apunta Larruga: «Las mujeres de la villa y jurisdicción de Bayona son muy aplicadas al hilado y al punto de aguja: sostienen un pequeño ramo de comercio con la manufactura de gorros, guantes y calcetas de hilo fino y basto que trabajan con primor». E, deste xeito, «Muchos tratantes acuden a comprarlas por la ventaja que se les sigue de las ventas que hacen de porciones considerables… también en el valle del Miñor se exercitan las muxeres en hacer calcetas».
Por outra banda, as labregas obtiñan algúns rendementos económicos complementarios coa elaboración e transformación de alimentos, nomeadamente derivados do leite como manteiga, callada, requeixo, queixos, etc.
Nalgúns concellos litorais como Rianxo, Cambados e Pontevedra, traballaban as escabecheiras ou ostrieras, continuando unha tradición que se remonta ata a época romana. Durante os séculos XV-XVIII alcanzaron gran auxe os criadeiros de ostra da ría de Arousa, como asemade os que existían na localidade de Abanqueiro, onde na época do Catastro de Ensenada contabilizábanse sesenta viveiros de ostras, que constituían unha das principais fontes de ingresos para os veciños. As barricas de ostras escabechadas tiñan moi boa acollida en todo o mercado peninsular e nomeadamente na Corte. Na vila de Pontevedra instalarase a «Escabechera Real» que fornecía escabeches de variado xénero, en particular ostras de Arcade, ao augusto Rei.
Cando comezaron a proliferar os obradoiros e as modernas fábricas, en diferentes sectores, puidéronse ollar as faldas femininas haldeando nas súas instalacións. No ámbito fabril non eran máis liviáns as ocupacións das mulleres. Encontrámolas involucradas en labouras por demais arduas, e mesmo ásperas, como eran indefectiblemente os obradoiros, moitos deles rurais, nos que se levaba a cabo a curtume de peles.
Ao cabo, convén lembrar que a industria rural lenceira tradicional persistiu cun artellamento produtivo disperso e de base doméstica. Porén, no último terzo do século XVIII, a administración borbónica, para evitar gravosas importacións de artigos de luxo, implementou a Real Mantelería da Coruña, que fora fundada en 1658, e que, como outros establecementos industriais da época, combinou o factory system co domestic system. Chegou a dar emprego a mil fiandeiras, veciñas da cidade e do rural próximo, que traballaban a xornal case sempre no seu propio domicilio. Entrou en decadencia por mor das consecuencias da Guerra da Independencia. Houbo aínda outras iniciativas fabrís no sector dos tecidos, como a fábrica dos irmáns Lees, en Pontevedra, e outras pequenas empresas en case todos os núcleos urbanos, que contaban con man de obra feminina para as operacións primarias do fiado e o cardado.
Como se pode ollar, Inditex non carece de precedentes na industria galega tradicional dos tecidos.
Fuente: Diario de Pontevedra
