Discurso de ingreso de Mª Ángeles Romero Rodriguez
noviembre 28, 2024Declaración institucional en defensa de la cocina tradicional y popular
diciembre 2, 2024DISCURSO DE INGRESO DE ALFONSO SÁNCHEZ IZQUIERDO COMO MIEMBRO DE NÚMERO DE LA ACADEMIA GALEGA DE GASTRONOMÍA
Autoridades, presidente, académicos, académicas, benqueridos amigos, moi bos días a todos.
É un pracer estar esta mañá aquí neste acto, celebrando con todos vostedes unha etapa máis na longa vida xa da Academia Galega de Gastronomía. Quero que as miñas primeiras palabras sexan de agradecemento por esta honra que, se ben é erto que non agardaba, si que lles podo dicir que é moi celebrada por min. Así que permítanme que o primero que faga sexa compartir esta ledicia co resto de académicos, bos comensais e seguro que algún bo cociñeiro, que hoxe ingresan coma min na institución.
Reúnenos hoxe o amor pola gastronomía de Galicia, unha das nosas verdadeiras esencias como pobo, e a defensa do labor desta institución, a Academia Galega de Gastronomía, que leva máis de trinta anos divulgando o mellor da nosa cociña, estimulando os seus profesionais e facendo país arredor dunha indubidable seña de identidade da nosa querida terra.
En Galicia contamos cun extraordinario produto, conservamos a tradición pero tamén abrazamos a vangarda fomentando o coñecemento e a innovación na cociña, e contamos para elo con talento abondo. É que arredor da cociña, literal e figuradamente, medramos e vivimos moitos galegos.
Visibilizar os méritos dos seus profesionais forma parte da misión da Academia, e por suposto tamén da dos medios públicos de comunicación galegos aos que represento e que desenvolven un intenso labor informativo e divulgativo arredor da gastronomía e da cociña. As grellas da Televisión de Galicia e da Radio Galega contan todo o ano con espazos de cociña, e con colaboradores especializados que achegan os tesouros de Galicia, as receitas, as tradicións culinarias, as festas gastronómicas que tanto suman á nosa idiosincrasia, ao noso xeito de vivir.
Eu, como saben, son ourensán. E ourensán orgulloso da miña terra e da súa xente. Terra de bo viño, de boa horta e de bos produtos que hoxe viaxan a todo o mundo, levando consigo o nome das súas empresas e das súas denominacións de orixe… en definitiva levando consigo o nome o de Galicia. Éste foi precisamente un dos principais propósitos dun bo home e moi intelixente persoa ao que lle quixen adicar a partir de hoxe unha cadeira na Academia Galega da Gastronomía:
José Posada. galeguista, traballador incansable, emprendedor e empresario… e tamén ourensán, que faleceu no 2013 deixando un legado empresarial que todos seguimos a desfrutar.
Sectores como o do viño, que tanto debe aos seus esforzos por darlles un nome e lugar dentro e fóra de Galicia, ou o da transformación da castaña non serían hoxe o que son sen José Posada e a súa visión de negocio, de empeño polo progreso e pola innovación aplicada, por dar sempre un paso adiante máis.
Foi pola época do magosto do 2013, a festa por excelencia arredor da humilde castaña, cando tivo lugar unha sentida homenaxe no Liceo de Ourense a este empresario senlleiro. No magosto tiña que ser cando se lembrara a figura e traxectoria do reinventor dos usos da castaña galega, un froito que hoxe degustamos vestido de gala, como marrón glacé galego 100%, e de moitos outros xeitos que agora poden ser habituais da cociña, pero que hai unhas décadas foron realmente transformadores.
Dentro do seu perfil político como eurodiputado, foi un dos observadores internacionais en procesos electorais tanto en Rusia como na Ucraína… ¡Quen o vería hoxe ante as noticias que nos estremecen estes meses! José Posada soubo ser tamén relevante para Galicia desde multitude de responsabilidades, un verdadeiro embaixador da terra. Entre outras, como presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, como presidente do Consello de Administración de Caixa Ourense ou como eurodiputado por Coalición Galega, onde por certo, foi o primeiro que falou galego no Parlamento Europeo. Foi fundador da Irmandade dos Viños Galegos, onde aglutinou a persoeiros relevantes e onde escribiu uns deliciosos textos cheos de humor, que servían como convocatoria de cada unha das sesións baixo o alcume de Giuseppe Pausata. Non podo esquecerme dos seus libros sobre o viño, como “Os viños de Galicia” unha publicación canónica para a época, “Manual dos viños e augardentes de Galicia” ou “O desafío do Mercado Común para os viños galegos”.
Se tivera que describilo en poucas palabras, Posada foi un galeguista de corazón, un humanista, un home de cultura, escritor e un gran conversador. E, nos negocios, soubo darlle un alcance nunca visto ata entón ás relacións internacionais desta industria ourensá. Foi na década dos anos 80, cando o marrón glacé galego comezou a súa viaxe, chegando a Europa, pero tamén ata o Xapón, Estados Unidos, Rusia, Emiratos Árabes ou África.
José Posada reinventou o uso da castaña para elevala á mellor cociña e á gastronomía internacional. A castaña galega, un froito que foi durante séculos a base da alimentación de moitos fogares, ata que a pataca o desprazou, é hoxe un ingrediente buscado e escollido da alta cociña.
Quen rompeu os convencionalismos e apostou pola investigación e a creatividade foi el, comprometido ata o fin dos seus días coas posibilidades de expansión dun produto local que acadou un impacto global.
Os castiñeiros, que viviron en esplendor arredor dos viñedos galegos porque se empregaban para fabricar toneis, son de madeira dura e duradeira. Madeira que é nexo de unión entre a castaña e a vide, dous
eixos fundamentais da cociña, de Galicia e da vida de José Posada, que co seu beneplácito contará desde hoxe cunha cadeira nesta distinguida institución.
Moitas grazas
Alfonso Sánchez Izquierdo