Discurso de ingreso de José Enrique Pereira Molares
diciembre 11, 2024Discurso de ingreso de José María Fonseca Moretón
diciembre 11, 2024DISCURSO DE INGRESO DE JOSÉ MANUEL BLANCO ALDARÍZ (PATI BLANCO) COMO MIEMBRO DE NÚMERO DE LA ACADEMIA GALEGA DE GASTRONOMÍA
Estimadas autoridades. Queridas académicas e académicos, queridas amigas e amigos.
Benvidos a todos os presentes
Nunca puiden pensar que o outono das tardes de verán en Portafontao, na parroquia de San Miguel de Bacurín, en Lugo, na casa materna dos meus avós, supuxese o final do fío condutor que teceu algunhas das secuencias máis emocionantes do circuíto da miña vida.
Cando a familia se reunía ao calor da cociña de leña, despois dunha xornada de traballo no campo, para compartir as vivencias do dia e recibir a recompensa do reencontro arredor dunha gran pota de caldo, e as partes do
porco co chourizo incluído, que en frío se fundía coa rebanda de centeo, para converter cada peza cortada cunha navalla nun bocado sublime.
Foi un ritual, as raíces, as secuencias dunha xeración que, despois da escaseza da posguerra, se converteu nunha festa entre os veciños, a recompensa pola súa razón de ser e traballar, comer e gozar dos produtos que daba a terra:
ovos, carne de porco e tenreira, pan, leite, patacas, castañas, verza, grelos ou repolo, mel e froitas. Toda unha xeografía de produtos, o intercambio de necesidades de supervivencia, sen intermediarios.
Por iso quen me ía dicir que grazas a esta consideración, a esta honra á que hoxe estou orgullosamente sometido, a de acadar un posto na Academia Galega de Gastronomía, puiden evocar aquela infancia e cosela á figura da cadeira
escollida para a miña incorporación, a nai das nosas letras, Rosalía De Castro.
Que atrevemento!
Permítanme que así me sinta dobremente honrado, ademais de pertencer á Academia, por facelo vinculándome ao personaxe máis significativo da nosa literatura, fonte infinita de inspiración, xardineira das nosas emocións, que enche co caudal das súas palabras o río da vida de todos os galegos.
Por ela sinto unha especial devoción, como muller e como escritora, reforzada por unha relación íntima, grazas á miña colaboración coa Fundación que leva o seu nome e que preside o meu admirado Anxo Angueira.
Anxo foi o meu cómplice, por ensinarme e contaxiarme da pureza do seu espírito rosaliano e por poñerme no camiño da fusión de Rosalía coa cociña galega, grazas ao traballo de Xabier Rodríguez Baixeras, publicado pola Casa de
Rosalía.
Creo que á figura de Rosalía non se lle recoñece na dimensión que merece, no que se refire ao seu significado e contribución ao legado gastronómico de Galicia, fiel á realidade social do momento. Ela vive nas raíces do feito culinario.
A súa obra, tanto Cantares Gallegos como Follas Novas, reflicten a exaltación da cociña galega como feito cultural e reivindicativo, desde a humildade, un dos trazos definitorios da esencia da nosa cociña.
Podemos contrastalo no seu poema “Miña casiña, meu lar”, onde fala da supervivencia diante da escaseza, co seu Caldo de Gloria e o seu Bolo do pote.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar
e ca fariñiña munda
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar,
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar.
É un dobre luxo estar hoxe aquí, e contribuír a confirmar a nosa identidade, recuperando a figura de Rosalía para a nosa cultura gastronómica. E que mellor maneira de facelo que reivindicando tamén a importancia do Caldo, na nosa cociña, como o rei dos pratos de culler, dada a súa evolución gastronómica.
Porque dende as súas raíces humildes, como prato case vexetariano como recoñeceu Emilia Pardo Bazán na súa obra La Cocina Antigua Española, e o propio Picadillo, cando o describiu: “Unha mestura de patacas, xudías, verduras, unto de porco rancio e nada máis”, reforzouse, incorporando ingredientes como patacas, fabas (destacando as de Lourenzá), grelos, verza ou repolo. Enriquecido con porco, chourizo, lacón ou touciño ou falda de tenreira, que o elevaron á categoría de imprescindible, sobre todo para quentar o inverno.
En Cantares Gallegos Rosalía fai unha lista de manxares prometidos á rapaza gaiteira:
Has de cantar
que che hei de dar zonchos.
Has de cantar
que che hei de dar moitos.
E por outra banda, no cantar 25, o tema básico refírese á matanza do porco, na historia do labrego pobre Vidal, que só recibe o arrecendo dos primeiros momentos da matanza, pero a súa vida cambiará de pobre a rico, e acabará degustando as viandas do porco, cunha descrición rosaliana do animal verdadeiramente espectacular.
E se Rosalía invade o meu espírito, e me enchoupa e me fai vítima da súa sensibilidade, a miña inspiración mundana establécese no contaxio e complicidade dos meus compañeiros de viaxe gastronómica e dende hoxe tamén novos Académicos: Gonzalo Durán e José Enrique Pereira. Con eles comparto e adquiro a paixón polo valor e o sentido do feito gastronómico, dende a terra, o produtor e a mesa, pero tamén a ambición de subir o seu listón, e convertelo nun espazo de reflexión que reforce a nosa identidade colectiva e a enmarque como un valor diferencial e competitivo da nosa terra.
Grazas a eles polo seu día a día e grazas tamén, dun xeito especial, ao presidente da Academia, Francisco García-Bobadilla. Moitas grazas Paco pola túa confianza e tamén especialmente a un dos meus mentores literarios e meu padriño académico, José María Paz-Gago. Grazas Chema polo teu ánimo constante. E a todos os membros da Academia que co seu apoio e xenerosidade me fixeron sitio para sentarme nesta mesa ilustre.
Parabéns tamén aos novos compañeiros académicos, aos xa nomeados e a María de los Angeles Romero Rodríguez, e a José Ignacio Vidal Pardo, e por suposto ao Académico Correspondente, Francisco de Calheiros, é unha honra e un orgullo compartir espazo e valores con eles.
Estimados académicos e amigos. Co meu ingreso na Academia Galega de Gastronomía pretendo promover e selar o vínculo con Rosalía de Castro e a súa dimensión gastronómica, perpetuando o seu legado; e reforzar a andaina conxunta das letras e da gastronomía, un campo sempre listo para ser abonado.
Pero, sobre todo, permíteme ser ambicioso, porque cando a estas alturas da vida fas un compromiso desta dimensión, non o fas con espírito de coleccionista, senón coa idea de aportar e sumar, por a forza que me transmite a vosa confianza. E cunha visión expansiva pola convicción e necesidade de seguir afondando na natureza da nosa cultura gastronómica, recuperando as súas raíces, os factores diferenciadores que a fan única e marabillosa, e impulsándoa, dentro e fóra das nosas fronteiras, como elemento vertebrador da nosa sociedade e vehículo inmellorable de comunicación e relación entre os pobos.
Benquerida Rosalía:
Desde aquí quero reivindicar
Que o caldo de groria se instale
Na nube da nosa memoria e
De maneira permanente na cociña
Da nosa Academia Galega de Gastronomía
Para que o teu eco remonte
A incerteza da distancia
E que sempre teñíamos a tua portavocía,
A da liberdade da corrente
Que remonta os obstáculos das mentes
Cando declarase independente
Na desembocadura do mar
MOITAS GRAZAS
PATI BLANCO