Declaración institucional en defensa de la cocina tradicional y popular
diciembre 2, 2024Discurso de ingreso de José Ignacio Vidal Pardo
diciembre 7, 2024Como ocurriu noutras cidades, desde a entrada en Europa o cambio en canto á peatonalización en Lugo foi grande e pola súa condición particular creo que saiu moi favorecida. Isto permitiu, entre outras cousas, que se creara unha base estrutural atractiva para promocionar a capital provincial como centro gastronómico, porque unha boa comida leva implícito uns pasos posteriores de satisfación entre rúas venerables.
Lugo pola sua distribución demográfica provincial, indudable que históricamente tiña unha aportación “feirega” de produtos de primeirísima calidade e tamén en cantidade abundante dada a súa elevada poboación rural. Esta provincia non se convertia na máis coñecida pero si acadaba unha gastronomía de pura tradición, destacando excelentemente en olor e sabor.
Isto, posiblemente entre outros factores, parece ser que levou a un lugués como o Sr. Sánchez Carro, a ter a brilante idea de crear unha frase atractiva para reclamo como “.. y para comer Lugo”. Dada a nosa historia creo que atinada, porque recollia o conxunto dun quefacer diario desde os produtores ata as casas de comidas. É loable que nos derradeiros tempos, despois dun letargo inxustificable, a restauración e hostalaría recolla esa mensaxe como bandeira para promocionar o noso Lugo cun pedal no turismo e outro na gastronomía.
Con ese pedaleo ímonos mantendo relativamente nesa liña gastronómica tradicional cos produtos con denominación de calidade ou similares que sosteñen esa identificación. Desa liña destacan uns pilares importantes como son o polbo e o cocido, máis todo o que lles rodea. Estes pratos están moi vixentes; no caso do polbo, termando da celebración dalgunhas feiras provinciais, verdadeiros motores de dinamización; sendo a raiña desa referencia o San Froilán. Namentras, un prato polivalente en contidos como é o cocido, toma máximo esplendor polo inverno especialmente no antroido, marcando cada vez máis as rutas da montaña como punto de achegamento ás nosas fermosas cumes, peregrinación gastronómica que ten posibilidades de crecemento.
Todo elo é complementado, entre outros, por produtos cárnicos, queixo e viños que teñen un bó escaparate como pode ser no marabilloso barrio dos viños, un símbolo dentro das formas de vida dun pobo como é o de Lugo.
Neste caso o viño é o verdadeiro protagonista, pero tamén vai acompañado con aportacións gastronómicas que deron un selo particular á capital provincial, que ben merece unha atención acorde con ese selo que podíamos denominar do “tapeo”.
Este selo tendemos a non valoralo debidamente, pero cando falamos de Lugo a realidade é que esa actividade minúscula gastronómica vóltase grande en imaxe e promoción. Particularmente, esa combinación do antigo, viño, ambiente e picoteo sempre me deixou quedar ben cos invitados que alí levei como visita de obriga.
Evidente que tal barrio e arredores zumega historia por calqueira xeito que o mires, e asegún que hora o transites levarás diferentes sensacións. Moitos anos cruceino arredor das sete da mañán coa sensación de estar vendo algunha película de misterio, transmitíndome a imaxe dun Humpfrey Bogart arrimado a unha farola. O polo oposto resulta pola noite, cando rezuma ledicia provocada polo viño e a “microgastronomia” que o acompaña.
Esa microgastronomia está enraizada en Lugo e debemos valorar a súa importancia dentro da gastronomía e economía local. Non deixa de ser un proceso parello ós conceptos e relación da macroeconomía e a microeconomía, que irremediablemente son imprescindibles as dúas.
A microgastronomia, está perfectamente emparentada co consumo vínico e cerveceiro. Na actualidade en casos esténdese ó consumo de café, o que implica unha ampla implantación, pero que leva anos abrindo debates sobre a circunstancia de oferta e gratuidade.
Os debates sempre son benvidos para clarificación dos consumidores e neste caso tamén é importante inda que estamos diante dun tema que é moi particular do colectivo empresarial da hostalaría, o que non impide o feito de opinar. Por conseguinte, noutra ocasión tempo haberá para facelo.
Normalmente, os viños acompañados de algo sólido, teñen o aprecio de darlle gosto ó padal, recomendación xa feita polo rei Alfonso X. O feito de picar algo sólido é valorado polo consumidor, pero dá a sensación que pasa do resto da súa trascendencia. Obvio que as excepcións son grandes e honrosas, pero non está demáis recordar sempre de onde se pode xenerar riqueza e aforro no aspecto promocional.
Como conclusión, resulta evidente que no tapeo os lugueses fomos abanderados, e iso algún fundamento terá, e se perdurou no tempo, será por algo. Por conseguinte, debemos ter presente que se damos patadas á canada de nada serve que que a vaca dea leite. Tamén temos que considerar outros factores: un, de que o bebedor a “pau seco” creo que descende e outra que os medios económicos do consumidor son os que son. Aspectos cruciais en calqueira prantexamento de futuro.
Amigo consumidor; di o refraneiro, “comer e beber bó pasatempo é”, e si será importante que xa en tempos antergos se decía “non bebas sen comer nin firmes sen ler”. Por todo elo, temos que valorar e apreciar toda esa “microgastronomía” do tapeo, que merece un análise máis profundo en beneficio dos empresarios, de Lugo e da sociedade en xeral.
JOSE MOURIÑO CUBA
MEMBRO DA ACADEMIA GALEGA DE GASTRONOMIA